Recoméndovos este filme titulado O monstro mariño, de Chris Williams, que fala dunha época na que os cazadores e cazadoras se dedicaban a buscar enormes monstros mariños. Podedes ver un tráiler en galego e podedes velo en galego en Netflix.
Non soamente o filme é ben bonito de ver e ten unha mensaxe ben interesante, senón que ademais podedes aprender moitísimo léxico relativo ao mar, ás embarcacións, aparellos que se usan nos barcos e demais. Imos alá!
Todos á cuberta!
A cuberta é cada un dos pisos dunha embarcación, pero nun barco como este é esta zona que vemos desde arriba. Tamén vemos un bote na cuberta.

Izade as velas!
Nesta imaxe podedes ver que as velas inferiores non están izadas (é dicir, levantadas ou erguidas ou despregadas). Pola contra as velas de arriba están todas izadas, é dicir, despregadas para aproveitar o vento. Tamén vemos a parte de atrás do barco (popa).

E debaixo podedes ver unha imaxe na que todas as velas do barco están izadas ou erguidas ou despregadas.
E vemos a proa do barco (adiante). E na proa vemos o mascarón de proa (ese adorno dourado que semella un monstro dos que cazan).

Estamos a falar das velas do barco, porque o que poño a continuación é unha candea.

Por suposto, viaxan a varias illas, aínda que non pasan polas Cíes. Lémbrovos que un conxunto de illas é un arquipélago (como as Cíes, as Canarias, as Baleares…).

Non podía faltar lobo/loba de mar, que vén sendo un mariñeiro ou unha mariñeira con moita experiencia.
E que é un mariñeiro ou mariñeira? Pois alguén que vai ao mar, sexa para pescar ou navegar ou facer calquera traballo na embarcación.
E que un pescador ou pescadora? Pois alguén que pesca, onde queira, no mar ou en auga doce.
E que pescan? Pois peixes.
E quen vende os peixes? Pois o peixeiro ou a peixeira.
Citan neste filme varias velas polo seu nome específico, como a cangrexiña (ou cangrexa), que se asocia co pau de mesana. Nesta imaxe tamén vemos o lado esquerdo do barco (babor).


E van a toda marcha! E houberon de ir a pique (afundir, naufragar) cando a vermella fai un remuíño e os podía levar ao fondo do mar!

Suxeitade os cabos! Tirade un cabo!
Os cabos veñen sendo cordas en xeral que hai polo barco adiante. Aínda que algúns si teñen un nome concreto.


Cando se bota a áncora, normalmente é nun sitio recollido, protexido…









No que respecta a obxectos que usan, podemos ver, obviamente, arpóns. O cabo que ata este arpón chámase estacha. E a persoa que usa un arpón, é un arponeiro.




E non podía faltar…

É certo que en Galicia non fomos cazar o kraken ou a vermella do filme, mais ata o ano 1985 non se prohibiu en Galicia a caza duns animais ben grandes como son as baleas. O pobo galego mantivo durante séculos unha actividade intensa neste tipo de “pesca” ou “caza”. Podedes ver información abonda neste artigo e podedes visitar lugares como o Museo Massó ou o Museo do Mar de Galicia, onde se describe amplamente como se cazaban e todo o que se aproveitaba delas. Os barcos que usaban chamábanse baleeiros.

O buque que sae no filme, o Inevitable, é un buque de guerra adaptado para a caza dos monstros.
En galego outros nomes de barcos dedicados á guerra son:
Acoirazado

Corveta

Destrutor
Este non…

Estoutro…

Dragaminas

Galera

Gardacostas

Portaavións

Submarino de guerra

O submarino para a guerra de Cuba de Sanjurjo Badía, que está no Museo do Mar, pola contra, era ben pequeno.

Claro que en Galicia non somos de moita guerra submarina… preferimos outras actividades baixo o mar. Lembraredes a peripecia do narcosubmarino que se localizou en Aldán.

Sigamos con embarcacións grandes ou importantes. Unha palabra ben coñecida en Galicia, especialmente en Baiona, é arribada. A arribada non é outra cousa que a chegada e no caso de Baiona débelle o seu nome á chegada da carabela A Pinta a este lugar o 1 de marzo de 1493. Isto provocou a situación histórica de que a primeira noticia da viaxe de Colón a América se soubo precisamente nesta pequena vila.

Supoño que sabedes que unha teoría afirma que Cristobo Colón non era outro que Pedro Álvarez de Soutomaior. Mais…. esa é outra historia…