A voltas coa casa… de dentro a fóra.

O fío condutor de hoxe na casa é a calor e a luz (particularmente natural é dicir, as aberturas da casa por onde entra (xanelas, fiestras ou ventás).

Podemos encontrar esta calor tanto no máis interior como na parte exterior.

Comecemos pola parte interior, por dentro da casa, coa calor do lar ou da lareira. Para isto, recoméndovos un material incrible traducido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que é o Dicionario visual da construción. A seguinte imaxe da lareira está sacada do apartado 2.14.

Podedes comprobar que a lareira sería a zona completa onde imos ter lume, onde se vai cociñar… pero tamén o espazo máis concreto onde está o lume.

En canto ó lar, é a zona concreta onde está o lume e particularmente a pedra do chan que soporta o propio lume.

Vemos de novo a relación directa entre o lume, é dicir, a calor, isto é, a posibilidade de cociñar e a idea da nosa casa, do noso fogar, en resumidas contas: o noso lar, o noso fogar.
 
É esencial que exista unha cheminea cando facemos un lume, para que saia o fume.
A cheminea ou fumeira é calquera conduto que permite que o fume saia ó exterior.
Normalmente pensamos en algo así.

Ou tamén esta é unha cheminea.

Ou incluso isto é unha cheminea.

 
Na lareira, concretamente no lar, como xa se explicou, co lume, pódese cociñar. Polo tanto onde se pode cociñar é un lugar chamado cociña, tipo isto.

Pero tamén o aparello en si que usamos concretamente para cociñar. Aquí vai unha de ferro para os que somos máis sabias e sabios.

Para a xente máis nova, hainas de gas, vitrocerámicas, de indución…

Aproveitamos que xa estamos en primavera e as temperaturas son máis altas, para procurar a luz e a calor do Sol. Un lugar perfecto é o parladoiro, que non é outra cousa que un asento preparado xunto a fiestras ou portas. E que, como ben viu Castelao, nos pode dar moita felicidade.

E non esquezamos quen fai marabillas de recuperación, como O vello cárcere, de Lugo, onde na biblioteca podes ler neste tan fermoso.

 
Claro que me diredes con razón que iamos saír, non?
Empecemos saíndo ó balcón. A definición do dicionario da RAG é: “abertura feita desde o chan na parede dun cuarto, polo xeral cunha pequena plataforma que sobresae cara a fóra, amparada por unha varanda”.

E algún coñecido? Pois os chamados balcóns de Madrid, na Ribeira Sacra de Ourense, un miradoiro incrible da zona.

 
Sigamos con outra zona exterior, neste caso o corredor, que ten a particularidade de ser unha zona que permite pasar entre diferentes estancias, no interior, como na coñecida película The Shining, baseada na novela de Stephen King. Se ides por este coidado con esas nenas que queren xogar con vós para sempre…
 
Mais estabamos falando do corredor exterior, non do interior. Pois dinos o dicionario da RAG que é un espazo exterior dunha casa, cuberto polo tellado e con varanda pola parte de fóra, que percorre a fachada principal.
Así que a diferenza cun balcón é que o corredor debe estar cuberto polo tellado.
 
Continuamos cunha galería, que é, entre outros moitos conceptos, un corredor cerrado con vidreiras, que dá ao exterior da casa e sobresae ás veces do muro. E pensaredes enseguida nas da Coruña.
 
E imos rematar lembrando, no ano oteriano imaxes do Pazo de Trasalba, que acolle o pazo museo de Otero Pedrayo, para saber diferenciar un balcón dun corredor e dunha galería e saber se calquera destes é ou non unha solaina.

Na foto anterior tedes dúas cousas. 1 galería (pechada con vidreiras) e un corredor (o que non está pechado con vidreiras). Mais, tedes tamén dous espazos que se poden chamar solainas. Unha solaina é un balcón ou corredor ou galería que está exposto/a boa parte do día á luz directa do sol.

Se vedes nun mapa satélite a situación do pazo, poderedes comprobar que está situado mirando para o nor-nordeste, de tal xeito que recibirá o sol moitas horas do día.

Mais calquera outro balcón, corredor ou galería que non cumpra a condición de recibir a luz do sol moitas horas do día, non será solaina.

Feliz equinoccio de primavera do ano 2026!

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario