Empecemos polo faiado ou faio. (e un pouco de humor de Luis Davila o Bicheiro).
É o espazo que vedes na seguinte foto, é dicir, a parte máis alta da casa, inmediatamente por debaixo do tellado.

Se estivésedes aí dentro, e mirades cara a arriba, pois estades mirando o teito.
Son infinitas as películas que nos amosan faios ou faiados cheos de espíritos, demos, cousas misteriosas e terribles… pero eu lembrarei sempre o faiado de O final da escaleira (The changeling, de Peter Medak).

En Galicia non adoitamos pensar moito en se hai espíritos malignos, que bastante temos con ratos, ratas, avespas velutinas… e un arsenal, incluídas granadas. Todo isto dá moito máis medo que calquera espírito.
E usamos os faiados para almacenar cousas. Se é suficientemente grande, tamén se pode adaptar como sala de xogos, podemos facer un cuarto…
Aquí un cuarto ben coñecido nun faiado. Aí tedes a César, mirando pola xanela en O amencer dos simios.

E entón o de fóra como se chama?
Pois tellado ou teito.
Aquí podedes ver un de tellas.

Debo advertir que aínda que se pode usar tamén teito, adoitamos chamarlle tellado máis ben e reservar teito para o interior (a parte superior do faiado).
E aquí tedes uns tellados diferentes, porque usan lousa, así que tamén se chaman lousados.

Claro que en xeral un lugar de almacenamento tamén o podemos chamar rocho.
Poden estar na parte alta dunha edificación ou na baixa.
Exemplos de rochos a continuación…

Este que vén agora pensou un electricista que era un bo sitio para o Códice Calixtino… “ideas de bombeiro”… Ah, non! De electricista!

Con moita frecuencia os rochos adoitan estar na parte baixa dunha casa, é dicir no soto, abaixo de todo.

Na cultura cinematográfica tamén estamos afeitos a ver que os sotos son sitios terroríficos cheos de misterios, de asasinatos, de criaturas sobrenaturais… Supoño que lembrades Só na casa (Home Alone).

Pois adiviñade, en Galicia o que nos mete medo é que se anegue, que entren ratas, ratos e outro tipo de bicharía que nunca traen nada bo.
E falando do teito, aí vai un recordatorio.
