A propósito da casa… manifestación o 21 de marzo en Vigo, polo dereito a teito

Aproveito esta publicación para dicirvos que en Vigo o 21 de marzo hai unha manifestación moi importante, porque trata do DEREITO A TEITO. É dicir, o dereito a unha vivenda digna (e si, de alugueiro tamén se pode ser).

Pois seguindo este fío vou explicar varios termos importantes relativos á vivenda.

VIVO NUN ESTUDIO.

Un estudio é un tipo de espazo onde adoita traballar ou estudar unha persoa profesional (pintor-pintora, escultor-escultora…).

Podedes comprobar que unha escultora pode “estudar”. É dicir, toda a familia relacionada con aplicarse e aprender algo, non leva i: estudo, estudante, estudantado, estudar, estudosa…

Aquí podedes ver a Hermione estudando, que lle encanta.

Tamén podemos chamarlle estudio a un espazo onde se realizan gravacións e emisións de programas de radio ou televisión ou onde se rodan películas.

E non confundades o mítico Studio 54 porque esa era unha discoteca. A partir desta orixinal, apareceron salas de entretemento, tendas de instrumentos e absolutamente de todo co mesmo nome en todas as cidades que poidades imaxinar.

Polo tanto, podemos “estudar” nun “estudio” pero non é correcto dicir que vivimos nun “estudio” (ou non debera ser así).

Calquera de vós que viva de alugueiro saberá que lle chaman estudio a un lugar pequeno (25 metros cadrados, 30 metros cadrados, 35 metros cadrados con sorte…). Pois é unha palabra incorrecta en galego.

De todos modos, como Alberto Pérez na canción Nos ocupamos del mar, imos facer unha pausa para reflexionar, como Os Resentidos en Estamos en guerra (para quen non saiba a letra: rillamos no churrasco sen mirar para atrás ou estamos en guerra, pero hai que reflexionar).

Se entrades en calquera portal inmobiliario (eu elixín idealista, porque moita xente busca por aquí) e marcades vivendas e logo organizades a procura desde a máis barata, atopamos en primeiro lugar este en Lavadores por 480 euros ó mes e seguimos con outro na zona de Casablanca por 501 euros (sic, 500 + 1 euro ó mes).

Saberedes que agora mesmo o prezo máximo recomendado é do 30% do noso salario. Botemos contas: para o primeiro necesitades polo menos 19.200 euros brutos ó ano. Para o segundo 20.040 euros brutos ó ano.

E falamos só dos dous primeiros (porque no medio hai unha casa vella).

Pero sigamos coa lingua.

NON, EN REALIDADE VIVO NUN APARTAMENTO.

Pois si, a iso do que falabas, chámaselle apartamento. Isto é, unha vivenda nun edificio de varias plantas, en particular a de pequeno tamaño.

Pois fixen o mesmo en idealista.com. O resultado marcando na esquerda a palabra “apartamentos” e poñendo desde o máis barato móstranos un “piso” de 30 metros cadrados, nunha segunda planta sen ascensor e sen amoblar, por só 540 euros ó mes. Que marabilla! Só tedes que gañar 21.600 euros brutos ó ano.

PERO EU QUERO VIVIR NUN PISO.

Pois ten coidado, que piso son moitas cousas.

En primeiro lugar, o propio chan, a superficie pola que andamos.

Ademais diso, é cada un dos niveis do edificio, efectivamente. Tamén se chama andar ou planta: o primeiro piso, o primeiro andar ou a primeira planta.

Imaxinade que necesitades algo máis de 30 metros cadrados para vivir, non sei… digamos uns 40 metros cadrados.

Busquemos! Aquí van as marabillas: un piso que polo menos parece decente, de 40 metros cadrados e co dormitorio independente. Podes alugalo se dispós bruto ó ano de 26.000 euros.

Claro que igual hai xente que ten fillos, ou que teñen que vivir dúas persoas e necesitan dous cuartos. A ver que encontramos. Pois terías que ir a Cabral ou Lavadores. Polo menos hai un par deles con dous cuartos polo mesmo prezo que o que comentamos antes… Ah! Que non teñen ascensor…

Pero claro… igual necesitas ascensor e dous cuartos. Pois xa pasamos a 750 euros ó mes o máis barato, é dicir… tes que gañar 30.000 brutos ó ano.

POIS XA POSTOS, VOU VIVIR NUN CHALÉ:

Moi boa decisión. Que é un chalé? Pois é unha casa con xardín, construída xeralmente fóra dos núcleos urbanos.

Algo si que se encontra, xa subimos á esixencia de que gañes polo curto uns 36.000 euros brutos ó ano, mellor que sexan 40.000.

QUE DIFÍCIL É ENCONTRAR UNHA CASA.

E tanto. Podemos aprender que a palabra casa é tanto unha construción dedicada a vivenda (polo tanto pode ser de varios formatos), ademais de referirse tamén ó concepto de domicilio (lugar de residencia habitual: casa, vivenda, morada, residencia, habitación).

QUERO QUE TEÑA DÚAS HABITACIÓNS.

Coidado! En galego existe a palabra “habitación” como comentamos (casa) pero é un lugar no que poden vivir persoas e animais.

Pola contra, o que queres dicir seguro é que teña dous “cuartos” no sentido de “dormitorios”.

E debes saber que en galego cuarto tamén pode ser o nome dunha sala, un salón ou calquera peza (parte) da casa (excepto a cociña, o baño e o corredor).

Podedes ver nesta foto que hai 3 dormitorios, pero podemos dicir que este plano ten 4 cuartos.

Acabemos cos conceptos esenciais relativos á vivenda:

Alugador/ alugadora. Pois normalmente persoas propietarias ou inmobiliarias. Tamén podemos dicir arrendador/ arrendadora; locador/ locadora; rendeiro/rendeira.

E quen paga chámase alugueiro/ alugueira; arrendatario/arrendataria; inquilino/ inquilina; locatario/ locataria; rendeiro/ rendeira.

Alugar ou arrendar é o que facemos cando pagamos un tanto cada mes por vivir nun lugar.  E cada mes pagamos o alugueiro/ o arrendamento/ o alugamento/ o arrendo ou incluso a renda.

Como xa sabedes, o negocio inmobiliario é ben rendible, porque dá boas rendas.

Lembrade ir o día 21 á manifa!

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario