Volvo por aquí para recomendarlles ás persoas amantes da gastronomía e da enoloxía francesas o filme La Passion de Dodin Bouffant, de Trần Anh Hùng e que conta coa presenza de Juliette Binoche (o que asegura sempre que sairán cousas de comer), bautizado en España como A fuego lento, en Hispanoamérica como El sabor de la vida e en galego, polo menos en Netflix, como A lume lento.
É a miña obriga dicir que as persoas amantes da acción non estarán encantadas. É unha película A lume lento…
Se vos gusta o tema e queredes aprender léxico de gastronomía en galego, é a vosa película.
Dito isto, falemos de lume, de fogo….
A palabra lume procede do latín lumen-luminis, que ten que ver en todo momento coa luz (luz do día, lámpada, abertura pola que entra luz…).
A palabra lume é masculina?
Pois si, en galego as palabras que acaban en–ume adoitan ser masculinas: alcume, cheirume, costume, legume, vagalume…
Hai algunha excepción: a servidume, a mansedume.
Tamén podo dicir fogo?
Pois si, é un sinónimo de lume. Pero non para todos os casos. Aquí tedes unha imaxe de cando podemos usar as dúas.

A palabra fogo deriva do latín focus-foci, que ten que ver co aspecto máis físico de onde hai lume (lareira, fogueira, fogar, lar…).
De feito, en galego cando falamos do lar, da lareira, do fogar, falamos sempre dese lugar nas cociñas onde se prendía para sentar ó redor, cociñar, falar, socializar…
Destes tipos de reunións ó redor do lume (ou fogo) deriva o sentido metafórico de: o meu lar, o meu fogar (é dicir, a miña casa).
Que máis palabras ou expresión se derivan de fogo?
Pois temos: fogar, fogaxe, fogo ardente, fogo cruzado, fogo fatuo, fogón, fogos artificiais- fogos de artificio, fogoso-fogosa, fogueira, fogueirada, fogueiro –fogueira, foguete, fogueteiro-fogueteira.
E que palabras e expresións se derivan de lume?
Pois temos: alumamento, alumar, alumeamento , alumear, bicho do lume-vagalume, botar lume, botar lume pola boca, iluminación, iluminar, iluminismo, iluminista, lumen, luminiscente, luminoso-luminosa, poñer lume, prender lume.
Aquí temos que parar obrigatoriamente para escoitar a canción Lume, do grupo ourensán Lamatumbá e recordar tamén a sonada parte “Arde Galicia co lume forestal” da canción Galicia, sitio distinto, do grupo Os Resentidos.
Bo proveito!
1 comentario en “A lume lento (La passion de Dodin Bouffant)”